Monday 16 de September de 2024

A Xunta de Goberno Local outorga as subvencións municipais  a entidades culturais, deportivas e educativas


Na sesión tamén foi adxudicada a execución do proxecto de mellora da rede viaria en Erboedo e Soandres que será cofinanciado por Agader.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foron adxudicadas as subvencións municipais dirixidas ás asociacións culturais, clubs deportivos, centros de ensino e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais máis destacados.
35 entidades -a totalidade das que presentaron a solicitude- e 5 deportista individuais serán os beneficiarios desta liña de axudas e repartiranse 127.400 euros. O acordo foi tomado a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar as solicitudes presentadas e de establecer a contía das axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria. Valorouse a actividade permanente de cada beneficiario, número de eventos organizados, volume de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, a existencia de categorías inferiores e a cifra de fichas federativas, entre outras pautas.
No apartado de deportistas individuais tivéronse en conta os resultados en competicións dos diferentes ámbitos xeográficos. Neste caso a convocatoria foi dirixida a aqueles deportistas que non realizaron a súa actividade como parte dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma liña de axudas.
Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo para o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito gratuíto.
Adxudicación proxecto mellora viaria en Erboedo e Soandres
A Xunta de Goberno Local tamén acordou adxudicar a Excavaciones y Obras Candal, S.L. a execución do proxecto de mellora da estrada que comunica os núcleos de Vilarmaior, na parroquia de Erboedo, e de Condesuso, en Soandres.
A actuación está incluída no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O investimento alcanzará os 127.000 euros, dos cales Agader asumirá 96.000 euros, correspondendo ao Concello achegar 31.000 euros procedentes de fondos municipais.
A zona de intervención presenta unha lonxitude aproximada de 1.600 metros, nos que se vai ampliar a plataforma da calzada ata os 5,5 metros, renovar a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente e mellorar a sinalización para aumentar a seguridade viaria.
Ademais de favorecer o tránsito rodado nesa zona rural, a actuación é estratéxica xa que mellora ese amplo tramo da estrada que comunica Paiosaco con Vista Alegre e dá acceso pola AC-523 á A-6, ao aeroporto de Alvedro e á cidade da Coruña a través da Terceira Rolda.